Ecoloxía e Custodia do Territorio
Limpeza simultánea de ríos - Río Trabe
O 3 de outubro, as Pedras Galladas participamos por primeira vez na Limpeza Simultánea de Ríos de Galicia, a xornada anual que organiza ADEGA a través do Proxecto Ríos e que cada ano mobiliza voluntariado en toda Galicia para retirar residuos dos nosos ríos. Encántanos poder seguir ampliando colaboracións e participar en actividades coma esta: baixar ao río, ver o que hai, entender a contorna que nos rodea e a riqueza de biodiversidade que podemos chegar a ter en Culleredo, se a coidamos.
Somos un colectivo pequeno, de persoas voluntarias, e o que queremos é dinamizar, coidar e organizarnos, contribuír a que o concello sexa un espazo onde a xente se coñeza e comparta intereses e inquietudes. Actividades como esta, impulsadas por asociacións como ADEGA que nos brindan coñecementos e recursos, son unha oportunidade estupenda para aprender e entender mellor o entorno que habitamos.
A xornada deixounos unha sensación estupenda, e iso a pesar do que atopamos. Retiramos case 40 quilogramos de residuos: unha bicicleta pregable completamente desfeita e oxidada, tubaxes, botellas e latas en cantidade abrumadora, colillas, cueiros, toallitas húmidas, roupa, alfombrillas de coche, restos de plásticos... Nalgúns tramos tivemos que poñer as catiuscas e baixar ao río para sacar o que estaba enredado na vexetación. E polo camiño non faltaron tampén os excrementos de can sen recoller, algo que vai moito máis alá do civismo e que ten un impacto real e medible no ecosistema, e non é precisamente bo.
Xa ao principio do traxecto atopamos restos de poda e limpeza acumulados xunto á beira. Aínda que son restos de orixe natural, non é o mesmo que caian ao río como parte dun proceso ecolóxico que deixalos amontoados alí para que a primeira choiva os arrastre. O río non é un vertedoiro, nin sequera para o orgánico.
Pero o lixo non era o único problema. Detectamos dez especies de plantas exóticas invasoras, entre elas tradescancia, cubrindo zonas que deberían estar baixo vexetación de ribeira autóctona, e cortadeira das pampas sen ningún tipo de control nunha antiga cementera da zona. Tamén pasamos por un muíño ateigado de auga, totalmente abandonado, que debería estar baixo o coidado do concello. E vimos un ecosistema empobrecido: unha poza cuberta de lentellas de auga que en augas con corrente se comportan de forma natural e controlada, xa que non cubren toda a superficie, pero que en entornos estancados e descoidados inzan e impiden que os organismos subacuáticos realicen a fotosíntese, xa que non lles chega a luz, co que a vida da poza vai desaparecendo pouco a pouco. As beiras dos camiños recortadas sen ter en conta a fauna que vive alí, tamén se desbroza sen limpar o lixo, constrúese sen estudar o impacto...
No noso concello, e en moitos outros, actuacións sen unha valoración ecolóxica real non son novidade, ou incluso facendo caso omiso desa valoración. Mentres limpábamos o río o sábado, preto do CEIP Vila De Rutis desbrozábase unha zona con cortadeira das pampas sen previr que se extendese seguindo un proceso para non promover que siga presente no ecosistema. E temos moitos exemplos máis: camiño a casa outra bicicleta no Muíño de Acea da Ama, que además está en moi mal estado; en Ledoño temos unha gasolineira ao carón do río ignorando as consecuencias que pode ter; cultivos chegando ata a beira do Valiñas, facendo retroceder o bosque de ribeira ata quedar nunha estreita fileira de árbores; lixo na Ría do burgo que se acumula coas mareas... é dicir, prima sempre o espazo humano, o económico inmediato, fronte ao ecosistema natural. E as administracións permíteno, quedando na nosa man a responsabilidade de tomar acción e crear conciencia cidadá, para que cada concello comece a facer o traballo que lle corresponde.
Por iso, unha das cousas máis bonitas destas actividades, e das que máis valoramos en xeral, é a xente. Xuntarse, falar, aprender xuntas, contribuír á limpeza da contorna que nos rodea e reivindicar a necesidade de que as administracións tomen acción. Sabemos que existe e que é posible unha conciencia social e ecolóxica que coide o noso entorno. Non é fácil nos tempos que corren sacar tempo e enerxía para estas actividade, pero quedámonos coa ilusión de ser parte dunha comunidade que traballa para coñecerse e mellorar.
E iso é o que nos leva a animar a toda a xente a sumarse, ás Pedras Galladas ou a calquera colectivo que teña preto, para coñecerse, crear lazos reais e coidar xuntas o que é de todas, participando en iniciativas como as que nos brinda ADEGA.
Queda claro que cando a cidadanía se organiza, visibiliza e reivindica, algo cambia.
Mentres tanto, nós seguimos. En breve, toca a inspección de outono no noso tramo do Valiñas. Estade atentas!